Thursday 28 de March de 2024

Nova gaiola de lanzamento de disco e martelo en Vista Alegre


 

O alcalde de Ordes mantivo hoxe un encontro nas instalacións deportivas, entre outros, co adestrador da Atlética A Silva-Ordes e co xuíz internacional Jorge Blanco. A nova infraestrutura contará con certificación internacional, posibilitando así a celebración de campionatos autonómicos e nacionais federados

Esta mañá o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, mantivo un encontro de traballo no que se abordou a inmediata construción e traza da nova gaiola de lanzamento de martelo e disco.

A este encontro mantido nas mesmas instalacións deportivas de Vista Alegre, espazo onde se instalará a nova gaiola, ademais do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, tamén acudiron o adestrador do Club Atlética A Silva-Ordes, Pepe Domínguez, o xuíz internacional de atletismo Jorge Blanco, así como técnicos da empresa que levará a cabo os traballos.

A nova gaiola suporá un investimento de case 33.000 euros, sufragados en gran medida pola Secretaría Xeral do Deporte. Contará con certificado internacional. Con respecto á actual terá unha calidade superior tanto en servizo como en materiais, ademais de ver ampliada en gran medida a zona de caída. Todo isto permitirá que Ordes poida albergar probas e campionatos federados tanto de ámbito autonómico como nacional. Calcúlase que a finais de outubro as persoas afeccionadas ao atletismo xa poderán facer uso da nova infraestrutura.

O proxecto contempla demolicións previas, o acondicionamento do terreo e as cimentacións precisas mediante a aplicación de capas e a formación de zapatas de formigón armado. Posteriormente procederase coa instalación da gaiola propiamente dita, a cal levará sete postes verticais de aluminio e reforzados, dúas portas rectangulares con perfil de aluminio e dobre rede confeccionada con fío de polipropileno, así como outros elementos de seguridade. Por último, aplicarase un pavimento continuo sintético na soleira da zona de lanzamento.
Xavelina
Ademais desta nova instalación hai que engadir o compromiso adquirido na súa visita a principios de ano por José Ramón Jete Lasa, secretario xeral para o Deporte, de construír tamén unha nova zona de lanzamento de xavelina. Estará composta por corredor, arco e sector de caída. Con todo isto o complexo deportivo de Vista Alegre sería o primeiro en Galicia onde se poderán realizar simultaneamente lanzamentos longos de xavelina e de gaiola.